Categorías

Escola de Turismo confirma a potencialidade da Coruña para acoller eventos vinculados á gastronomía e ao mar

Cantones - A Coruña

Un estudo realizado en colaboración coa Escola de Turismo confirma a potencialidade da Coruña para acoller eventos vinculados á gastronomía e ao mar.

 

A análise, impulsada desde o Consorcio de Turismo e que incluíu máis de 900 entrevistas, revela que citas como o I Festival SAL Sabores Atlánticos ou a II Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras, celebradas nas últimas semanas, tiveron un impacto no sector de case 1 millón e medio de euros

 

A Coruña, 20 de xullo de 2018.- O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, en colaboración coa Escola de Turismo, vén de realizar un estudo sobre o perfil das e dos visitantes, o grao de satisfacción así como o impacto económico que tiveron os últimos eventos gastronómicos e deportivos celebrados no comezo da tempada estival na cidade. Un estudo que, como salienta o concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do ente turístico, Alberto Lema, “confirman o potencial da cidade para acoller este tipo de eventos e avalan as políticas desenvolvidas nos últimos tres anos para potenciar sectores como a gastronomía ou os deportes náuticos como tractores dun turismo de calidade que, ao tempo, amplían a oferta de ocio especializado para os coruñeses e as coruñesas”.

Tal e como se recolle no informe, o festival SAL, Sabores Atlánticos, ao que asistiron máis de 20.000 persoas, tivo unha repercusión global directa na cidade herculina de 400 mil euros, segundo o estudo realizado pola Escola de Turismo. Pola súa banda, a segunda edición da regata de traiñeiras Bandeira Cidade da Coruña, que congregou a máis de 8.000 persoas o pasado 7 e 8 de xullo, tivo un impacto directo de máis dun millón de euros, unha cifra moi relevante tendo en conta, que como sinala o informe, pártense de supostos non optimistas. Alberto Lema, concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do ente turístico, destaca que “estes estudos permítennos coñecer mellor o perfil de demanda e o grao de satisfacción das persoas asistentes a este tipo de eventos, abertos e de proximidade, que seguiremos apoiando dados os bos resultados, e que veñen confirmar a potencialidade que ten A Coruña como destino para acoller actividades vinculadas ao mar”. Entre os dous estudos realizáronse máis de 900 enquisas presenciais durante os días dos eventos.

Os datos recollen que máis da metade das persoas que pasaron polo Parrote e pola praia de Riazor foron mulleres de entre 21 e 40 anos. Sobre a procedencia, ao evento gastronómico acudiron principalmente visitantes da mesma cidade (86,1%), mentres que a ver a regata máis dun 50% chegaron de fóra da comunidade, especialmente do País Vasco. De feito, a celebración da liga de traiñeiras permite coñecer mellor o perfil do turista vasco que visita A Coruña: máis dun 66% chegou en coche, non era a primeira vez que viña á cidade e pasou a noite na mesma, durante máis de 3 días de media, principalmente en hoteis de 4 e 5 estrelas (37%).

Para organizar a viaxe e o aloxamento, os e as visitantes empregaron principalmente internet (+40%), seguido de axencias de viaxes (23,7%). O gasto medio por persoa e día que deixaron as regatas comprendendo, non só turistas, senón tamén visitantes e excursionistas, foi de 65€, mentres que as persoas asistentes ao Festival SAL gastaron unha media de 55€ diarios. Como indica a xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, “grazas a estes estudos e á colaboración coa Escola de Turismo poderase mellorar tanto o sistema de intelixencia turística da cidade, como a planificación da política turística, necesidades detectadas no Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020”. Cabe resaltar que preto do 100% dos e as excursionistas e turistas recomendarían o festival e repetirían a experiencia, un feito sinalado no informe como moi relevante que podería multiplicar por dous o impacto global na cidade de cara a próximas edicións.

Ante a pregunta ‘con quen realiza esta viaxe?’, ao Festival SAL acudiron máis en parella (33%) e con amizades (31%), mentres que as traiñeiras motivan máis a viaxar en grupo de amigos ou amigas (30,3%) e en familia (26,1%), sendo principalmente as persoas afeccionadas ao remo as que acoden a este tipo de eventos. Sobre a valoración que fan as persoas enquisadas –tanto da asistencia ao SAL como ás regatas–, cre que A Coruña reúne as condicións para realizar festivais gastronómicos e eventos deportivos, dándolle a maior puntuación na escala de tipo Likert (6,88 e 6,72 respectivamente sobre 7) empregada nas enquisas. Entre o mellor valorado da primeira edición do Festival SAL, destacan a súa presentación, variedade e carácter innovador. Por último, é salientable tamén a percepción da poboación local con respecto a ambos eventos; desde o Consorcio de Turismo considérase que a riqueza destes eventos é que sexan atractivos, tanto para a e o visitante, como para a localidade, e máis do 98% dos coruñeses e coruñesas enquisados responden que repetirían e recomendarían este evento.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter ao turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos o dirixen como presidente, o Concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e a xerenta Lanzada Calatayud, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.